31 marzo 2010

Susana Seivane presenta no Centro Cultural Caixanova de Vigo o seu novo traballo

A gaiteira e a súa banda tocarán temas do seu último álbum ‘Os soños que volven’

O Centro Cultural Caixanova de Vigo servirá como escenario para a presentación na cidade olívica do novo traballo da gaiteira Susana Seivane, ‘Os soños que volven’. O concerto terá lugar o día 9 de abril, ás 20.30 horas. A entrada inclúe un exemplar do novo disco da artista, que será entregado antes do espectáculo.

Susana Seivane provén dunha das familias con máis prestixio e fama dentro do mundo dos gaiteiros e dos artesáns de gaitas. Comeza a súa andadura profesional moi nova e aos 20 anos toma contacto cos escenarios da man do grupo Milladoiro como artista invitada. A partir deste momento comeza o seu traballo como solista, creando un estilo xenuíno que, lonxe de perder de vista a pureza dos antigos gaiteiros, ábreo ás influencias doutras músicas. Consegue, deste modo, un enfoque fresco e orixinal. Unha mestura áxil e moderna que afonda nas raíces da tradición galega, deixando arrolar as súas ramas nos ventos dos novos tempos.

Susana faise acompañar por un elenco de músicos moi novos, pero de innegable talento. Con eles consegue un espectáculo fresco, dinámico e orixinal que mantén a diversión do público desde os primeiros compases ata o último bis.

Desde que publicou en 1999 o seu primeiro disco, titulado ‘Susana Seivane’, realizou numerosas xiras e estivo presente nos festivais máis importantes de España, Europa e Estados Unidos, recollendo unha valiosa crítica da prensa e do público.

‘OS SOÑOS QUE VOLVEN’

Os soños de Susana sempre tiveron, e seguen tendo, a música da súa terra como fondo. Melodías e cantares de Galicia que, dunha forma ou outra, marcaron a súa vida e o seu crecer musical. Pezas ás que rende homenaxe neste traballo desde a perspectiva dunha larga experiencia avalada pola forza dos seus directos dos últimos anos.

Este traballo, o cuarto despois de ‘Susana Seivane’, ‘Alma de bruxo’ e ‘Mares de tempo’, é unha mirada atrás sobre as pegadas que a música galega foi deixando na alma da artista. As melodías, que debuxan os ecos da súa infancia, xorden da súa xenuína voz e da súa gaita, acariciadas por arranxos divertidos, modernos e atrevidos, froito da produción musical da propia Susana e da súa banda.

O disco consta de 14 títulos que suxiren momentos e lugares de especial transcendencia na súa vida. A maioría dos seus temas son mesturas de pezas tradicionais, aínda que tamén queda lugar para unha peza de Carlos Justo, outra de Julio Amado, e unha lembranza a Nazario González “Moxenas”, tres grandes compositores de obras con verdadeiro sabor galego.



Brais Maceiras: acordeóns

Xurxo Iglesias: bouzouki

Carlos Gándara: batería y bombo tradicional

Carlos Freire: percusións e tamboril tradicional

Iago Rodríguez: baixo eléctrico



Venta de entradas: en www.caixanova.es, na billeteira telefónica 902 504 500 e o mesmo día do espectáculo na billeteira do Centro Cultural Caixanova

No hay comentarios: