09 marzo 2010

Mercedes Peón e Emilio Rúa ofrecen un concerto no Centro Cultural Caixanova de Vigo

O Centro Cultural Caixanova de Vigo acollerá o próximo 18 de marzo, ás 21.00 horas, un concerto de Mercedes Peón e Emilio Rúa. A actuación forma parte do ciclo Xacobeo Raíces.

MERCEDES PEÓN

Cantante e compositora, nace na Coruña no ano 1967. Aos 13 anos escoita a interpretación de dúas mulleres na Costa da Morte, o tocar da pandeireta e o contar da ribeirana, e isto foi o detonante para que comezase a recoller cancións, bailes, contos e vivencias nas aldeas. Pertenceu ao grupo folclórico Xacarandaina e formou asociacións e grupos para transmitirlles todo aquilo que ía recollendo. Dedicouse á ensinanza da música e o baile tradicional ao longo de 17 anos da súa vida. Durante todo este período desenvolveu a faceta de instrumentista tratando de respectar, de imitar os xeitos, tanto na percusión coma nas voces, gaitas e danzas, que ía observando. A súa aprendizaxe baseouse fundamentalmente en todas estas formas e no seu esforzo autodidacta.
En 1990 decide non tocar máis para centrarse só na docencia. As súas inquedanzas lévana a mergullarse no mundo da composición e xorden as primeiras sementes do seu disco de debut: ‘Isué’. Entusiasmou a crítica e público con este traballo discográfico, sendo declarada como a mellor artista de Europa en 2001 pola BBC, pola prestixiosa revista Folkworld e pola lista da world music europea (World Chart Europe). Despois virían ‘Ajrú’ e ‘Sihá’, o que compatibilizou con traballos de composición paralelos, coa participación no programa televisivo Luar e as conferencias en universidades como a Soborna e outras de Escocia, Alemaña ou Portugal. Recibiu o Premio Nacional da Música en 2008 e actualmente prepara o seu cuarto álbum de estudio.

Mercedes Peón é o máis claro expoñente do novo rexurdir musical da escena galega. As súas raíces toman novas formas: creación con sabor ancestral que recobra vida coas gaitas e as percusións tradicionais que se mesturan cos sons eléctricos máis actuais. A súa mordaz e moderna interpretación da tradición está baseada en anos de estudo e compilación de pobo en pobo. O timbre da súa voz, a variedade das súas composicións, que arrancan na beleza doente dos alalás galegos e culminan en temas eclécticos e descaradamente vibrantes, o seu amplo repertorio e o feitizo e a enerxía que se apodera de cada unha das súas actuacións, fan desta muller unha aposta segura pola continuidade da música galega.




EMILIO RÚA

Nace en Vendas da Barreira (Riós, Ourense) no seo dunha familia de músicos. Xa con sete anos comeza a cantar no grupo Concorde Atenea, unha orquestra familiar formada polo seu pai e irmáns coa que percorren Galicia e arredores. Guitarra en man comeza a compoñer e se presenta a algúns concursos. Xorde a oportunidade de gravar o seu primeiro álbum, publicado no ano 2000, no que conta coa colaboración de Uxía nun dos temas. Froito deste primeiro traballo xorden actuacións no Instituto Cervantes de Manchester, no de Leeds, ademais de ter a oportunidade de compartir escenario con Ismael Serrano ou cartel con Pedro Guerra, así como numerosos concertos en radio e televisións galegas.

En 2004 participa na V Mostra Nacional de Canción de Autor (Cantigas de Maio) de Ceutí (Murcia) e obtén o segundo premio cantando en galego. En 2005 preséntase ao certame Jóvenes Cantautores de Elx e obtén o primeiro premio, tamén cantando na súa lingua orixinaria, o galego. Ambos os dous certames contaron co apoio de Discópolis Radio 3, o programa de Radio Nacional de España que dirixe e presenta José Miguel López. En 2006 grava o seu segundo traballo discográfico no selo Do Fol, coa produción artística de Uxía Senlle.

Na actualidade prepara o lanzamento do seu novo disco, ‘Interior’, que será materializado en directo cunha banda que levará a cabo unha produción na que predominan os tinguidos pop e a canción de autor con arranxos de batería e percusión, baixo eléctrico e contrabaixo, guitarras, mandolina e cavaquiño.

Un espectáculo puro e creativo con influenzas da música brasileira, da tradicional galega, do blues e do pop é o que podemos atopar nos seus concertos, que deixan ver, claramente, o terreo no que se move este autor que bebe destes estilos para darlles o seu toque persoal e auténtico.



Sistema de venda: en www.caixanova.es, no despacho de billetes telefónico 902 504 500 e o mesmo día do espectáculo no despacho de billetes do Centro Cultural Caixanova.

Prezo: Butaca: 8 euros; Anfiteatro 1º: 6 euros; Anfiteatro 2º: 4 euros; Anfiteatro 3º: 3 euros. Poden consultar a nosa política de bonificacións en www.servinova.es.

No hay comentarios: