A Fundación Caixa Galicia leva este sábado o folk-pop de Anni B Sweet ao Teatro Principal de Ourense
THESE NEW PURITANS 11 de marzo Sede FCG A CORUÑA
ANNIE B. SWEET 13 de marzo Teatro Principal, OURENSE
ALONDRA BENTLEY 17 de abril Café Moderno PONTEVEDRA
CASTANETS 20 de maio Aula FCG SANTIAGO
O Teatro Principal de Ourense acollerá o vindeiro sábado, día 13 de marzo, ás 20.30 horas, o concerto da cantautora Anni B Sweet, unha nova proposta dun ciclo, Vangardas Sonoras, co que a Fundación Caixa Galicia quere achegar ao público galego algúns dos solistas e bandas máis frescos da escena independente.
Cos billetes a un prezo único de dez euros (www.caixagalicia.es ou no teléfono 902 43 44 43), os afeccionados a estas novas correntes do pop poderán gozar das cancións incluídas no primeiro álbum da artista andaluza, Start, Restart, Undo (Subterfuge, 2009).
A carreira profesional de Anni B Sweet (Ana López, Málaga, 1988) comezou a tomar forma coa aterraxe en Madrid. Ao pouco de chegar á capital do Estado, a artista puido gravar unha maqueta con Brian Hunt (ex Russian Red, Templeton, Half Foot Outside) e Javier Doria (The Melocotons) e o resto, di a súa promoción, “veu só: éxito total en MySpace, vitoria no concurso de maquetas de Arindelle Records e máis EGO, número un das mellores maquetas de 2008 para a revista Mondo Sonoro, shows abarrotados, unha invitación para telonear a Antonio Vega e fichaxe estrela do FIB… sen disco aínda na rúa!”.
Os doce temas do seu primeiro traballo son cancións “de aparencia sinxela pero con arranxos traballados, instrumentación riquísima e malabarismos sonoros”, baixo a produción de Brian Hunt e coa reminiscencia dos seus artistas preferidos, segundo o seu Facebook, Beatles, Bob Dylan, Feist, Roy Orbison e Cat Power.
Este concerto enmárcase dentro do ciclo Vangardas Sonoras que a Fundación Caixa Galicia puxo en marcha, por cuarto ano consecutivo, co obxectivo de ofrecer as últimas e máis novas apostas da escena independente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario