14 abril 2010

Caixa Galicia leva este sábado o folk-pop de Alondra Bentley ao Café Moderno de Pontevedra

A sede da Fundación Caixa Galicia no Café Moderno de Pontevedra acollerá o vindeiro sábado, día 17 de abril, ás 21.00 horas, o concerto da cantautora Alondra Bentley, unha nova proposta dun ciclo, Vangardas Sonoras, co que a entidade cultural quere achegar ao público galego algúns dos solistas e bandas máis aplaudidos da escena independente.



Cos billetes a un prezo único de dez euros (www.caixagalicia.es ou no teléfono 902 43 44 43), os afeccionados ás mostras máis delicadas do novo folk e do pop máis actual, poderán gozar das cancións incluídas no primeiro álbum da artista española de orixe británica, Ashfield Avenue (Absolute Beginners, 2009).

Alondra Bentley (Lancaster, 1983) deuse a coñecer hai un par de anos no ambiente indie murciano (canda Klaus & Kisnki, cos que chegou a colaborar en diferentes ocasións). A actividade da compositora, letrista, guitarrista e cantante comezou daquela a acelerar, chegando ter, neste 2010, unha das axendas máis atarefadas. De xira no mes de marzo por Reino Unido con Josh Rouse, Alondra Bentley está inmersa na presentación do seu primeiro traballo, que se move “entre texturas agridoces e impoñentes referencias: de Vashti Bunyan”, din da súa compañía discográfica, “a Joni Mitchell, de Nina Simone a Judy Garland, de Nick Drake a Jolie Holland”, sinalan.

No hay comentarios: